8 Novembro 2025 10:00 Cascortés, Pantón, Lugo
Día: 8 de novembro de 2025
Punto de encontro: Cascortés, Pantón https://maps.app.goo.gl/wHtYAeydmwnLts7c6
Hora de inicio: 10.00 horas
Lonxitude: 10 km
Duración: 4 horas
Dificultade: Media-Alta (hai unha subida e baixada pronunciada)
Guía: Xurxo Ayán e Sonia Rodríguez, arqueólogos
Este roteiro pola contorna do Sil, nunha parte non moi coñecida da Ribeira Sacra, propón coñecer a zona de Pombeiro e O Preguntoiro, no concello de Pantón. Ademais da igrexa de San Vicente de Pombeiro, un templo románico recentemente restaurado, poderedes descubrir fantásticas paisaxes de viñedo, adegas, e camiñar por bosques autóctonos até un xacemento medieval bastante sorprendente.
Comezaremos na igrexa románica de San Vicente de Pombeiro, ancorada na ladeira da Ribeira Sacra lucense, dominando un idílico lugar xunto ao río Sil. Este antigo mosteiro pertenceu á orde de Cluny e foi levantado entre os séculos XII e XIII, sobre unha fundación do século X.
Logo de camiñar por mestas fragas e unha esixente subida por antigas sendas empedradas irregulares, que fan algo difícil o ascenso, chegaremos ao Preguntoiro, onde está a antiga capela de San Xoan Degolado, á que aludían os topónimos e a tradición oral da zona. Neste lugar hai 4 sarcófagos antropomorfos que se remontan ao século X.
Así pois, este roteiro permitirá unha mellor comprensión da orixe e evolución deste espazo sacro desde a Alta Idade Media até a implantación plena do feudalismo e do veciño mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro.
| Tipo de reserva | Prezo | Carriño |
|---|---|---|
| Roteiro - Pantón | 5€ | As entradas están esgotadas. |
Do tema do xantar aínda estamos falando cos locais, polo tanto avisaremos unhas semanas antes de iniciar o primeiro roteiro.
