27 Setembro 2025 10:00 As Aguias. Muras
- Día: 27 de setembro de 2025
- Punto de encontro: As Aguias. Muras.
- Distancia: 5km
- Hora de saída: 10h
- Duración: 4h
- Dificultade: Baixa (pero non accesible para persoas con mobilidade reducida).
- Guía: Carme Varela, escritora, divulgadora e activista do patrimonio
Cando a pedagoga Antía Cal estaba cos seus pais na Habana, nas noites quentes da súa tropical infancia, escoitábaos falar daquela aldea da que saíran pouco antes de ela nacer. Seu pai contáballe como eran aquí os muíños, os hórreos, os regueiros, o Eume e as súas fragas… Ás veces, mesmo escoitaba a seus pais falar entre eles nunha lingua secreta. A aquela nena todo lle parecía moi misterioso.
Un día os pais acordaron o regreso. Cando chegaron aquí Antía descubriu na aldea das Aguias que todo era igual que como contaba seu pai. Tamén descubriu que non había tal lingua secreta porque todos falaban nela.
Neste roteiro visitaremos o Mesón das Aguias, onde se rodou o documental A Palabra Xusta, unha casa parada no tempo onde estivo o Km 0 do mapa dialectolóxico de Aníbal Otero, onde se chorou a morte do último alcalde galeguista de Viveiro, onde os rairos de auga fixeron do monte terra labradío, onde Antía Cal moceou con Antón Beiras, onde pasaron tantas cousas. E botarémonos aos camiños para atopar unha das máis singulares aportacións dos emigrantes galegos da Habana, para cruzar pontes sobre o Eume, para visitar un burgo, un castelo, para descubrir mil cousas máis.
E por riba na sede do Legado Activo Beiras Cal poderemos gozar dunha exposición na que Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio, María Antonia Dans, Mercedes Ruibal, os Quesada, Xosé Luís de Dios, Vidal Souto e tantos outros nos contarán a conexión Vigo-Muras…
Do tema do xantar aínda estamos falando cos locais, polo tanto avisaremos unhas semanas antes de iniciar o primeiro roteiro.
