Data prevista: 3 de outubro de 2026
Dificultade: Media (A xeira implica asumir desprazamentos a pé por camiños e vías rurais en bo estado e con desniveis moderados. É desaconsellable para persoas con mobilidade reducida, con baixa condición física ou que non estean afeitas a andar polo monte.)
Idade mínima: 14 anos
Duración: 5 horas
Lonxitude: 14 km
Hora de inicio: 09.00 horas
Guía: Miguel Losada, divulgador e investigador
Punto de encontro: Campo da Festa de Nocedo do Val https://maps.app.goo.gl/DG7dXjDfktkbKMT58
Prazas 6
Trátase dun percorrido pola chaira do Val do Támega e tamén por algunhas das ladeiras que a rodean. Realizalo permitirá coñecer varios antigos espazos monumentais nos que destacan algún petróglifo e diversas parafitas en contexto co histórico Camiño do Val.
Como testemuñas da estrutura económica do Antigo Réxime, visitaremos canteiras tradicionais que ficaron detidas no tempo e das que saían algúns dos elementos máis representativos da arquitectura popular do Val do Támega. Esta aparece representada no percorrido por enormes alvarizas que amosan a gran importancia que tivo a produción apícola.
Visitaremos tamén outras grandes estruturas inéditas do patrimonio arquitectónico popular galego, como é o caso da Gran Presa de Nocedo, a meirande estrutura do seu xénero en todo o Alto Támega.
Esta xeira permite tamén unha aproximación directa a un dos espazos con maior interese xeolóxico e mineiro do Noroeste Peninsular, xa que constitúe unha viaxe polo balcón máis privilexiado cara á observación do panorama inmediato do famoso Couto Mineiro do Monte Meda, cuxo estaño fora louvado por Cornide de Saavedra, entre outros, e que conta ademais con monumentais áreas de explotación antiga de ouro e outros metais, entre eles o volframio.
Nesta iniciativa de Rutas de Historia camiñaremos sobre terreos formados hai moi pouco tempo, apenas 10.000 ou 12.000 anos, ao final do anterior período glacial, que orixinaron a gran chaira aluvial deste río. Pola contra, as rochas máis antigas da contorna inmediata teñen até 510 millóns de anos.
Todo este territorio, que foi dos Estados de Monterrei, resultou arrasado polo colosal incendio do verán de 2025. O frondoso Val resultou indemne. Este percorrido será tamén unha incursión cara ás orixes íntimas deste problema recorrente en Galicia.
Xantar
De 1° Empanada, entrantes de chourizo, salchichas, queixo, xamón, olivas e encurtidos.
2° Feijoada brasileira
Bebida, sobremesas da casa e café
Prezo 21€ (Inc. 1 € gastos xestión)
| Tipo de billete | Prezo | Cantidade | Carro |
|---|---|---|---|
| Roteiro - Alto Támega | 5€ | |
|
| Roteiro + Xantar - Castrelo do Val | 26€ | |

co patrocinio da Dirección Xeral
de Política Lingüística
info@rutasdehistoria.com