• Inicio
  • A nosa historia
  • Roteiros
  • Dúbidas
  • Contactar
  • Carriño
  • A miña conta
    • Rexistro
  • Finalizado
    Estaca de Bares, onde a terra abraza o mar

    Finalizado
    Na procura do ouro perdido do río Miño

  • Inicio
  • A nosa historia
  • Roteiros
  • Dúbidas
  • Contactar
  • Carriño
  • A miña conta
    • Rexistro
0

Labirintos milenarios na noite dos petróglifos

Pechado
5 Horas
Cupo máx. 60

  • Data: Sábado 5 de Outubro de 2019
  • Dificultade: Baixa
  • Duración: 5 horas
  • Lonxitude: 13,5 Km
  • Guías: Colectivo A Rula
  • Hora de saída: 17.00 h.
  • Punto de encontro: Campo da Ermida de Cornide (Ver mapa)
  • Puntos de especial interese da ruta: Capela dos Milagres e Desemparados de Cornide, Cruceiros do camiño sacramental de Mouromorto e Cornide, Muíño de Cornide, Muíño da Bouza e Muíño das Picariñas (todos eles do s. XVIII, citados no catastro de Ensenada), necrópole megalítica do Monte Piquiño (formada por 33 mámoas), petróglifos de Mouromorto, de Río Angueira, de Outeiro do Corno e do Monte Piquiño, vistas panorámicas do Val do Ulla, camiño tradicional de Cornide a Luou, senda natural do río Angueira.

O Colectivo A Rula convídavos a unha camiñada pola nova Ruta dos Petróglifos de Teo (PR-G 238), recentemente homologada pola Federación Galega de Montaña. Iniciaremos a nosa xeira na senda á beira do Río Angueira que nos achegará ós Outeiros e Chans do Piquiño, alí visitaremos os seus principais bens culturais (petróglifos, mámoas, a mítica eira dos mouros e outros penedos con lendas e curiosas formas naturais) tamén contemplaremos as fantásticas vistas do val do Ulla aproveitando a luz do solpor. Ó regreso, xa no lusco e fusco, empregariamos a luz artificial para facilitar a visualización dos petróglifos de Cornide e Regoufe. O percorrido total consta de 13 km, unhas 5 horas de duración (ruta e observación dos diferentes conxuntos arqueolóxicos), no que cómpre destacar os petróglifos de Río Angueira, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda de Loureiro recoñecidos expresamente como Bens de Interese Cultural.

Descrición do roteiro

Primeira ruta homologada polo Concello de Teo que une as dúas áreas arqueolóxicas máis importantes deste termo municipal, a zona de Cornide – Regoufe (entre as parroquias de Calo e Luou) e a do Monte Piquiño en Luou. Un itinerario que facilita o acceso ós petróglifos prehistóricos máis destacados, un total de 15 estacións, e á excepcional necrópole megalítica do Monte Piquiño, que integra 33 mámoas catalogadas. Tanto polo elevado número de gravados, pola singularidade dos seus motivos (de temática abstracta e naturalista) como pola súa peculiar disposición na paisaxe, podemos dicir que estamos perante unha das zonas de arte rupestre máis relevantes do país, que centrou a atención dos grandes especialistas neste eido dende a década dos anos cincuenta do pasado século. A pesares de que a andaina comeza e finaliza na Carballeira de Cornide, ó comezo desta faremos un pequeno treito adicional para visitar os gravados da aldea de Mouromorto (Cruceiro vello 1 e 2) situados a uns cincocentos metros do punto de inicio.

A ruta recupera sendas esquecidas na ribeira do río Angueira, que posúe interesantes elementos etnográficos (muíños, lavadoiros e pontellas) e vexetación de ribeira de gran valor (como as diferentes especies de fentos). Treito que ademais serve de enlace entre a aldea de Cornide e a primeira zona arqueolóxica no que destacan os petróglifos de Río Angueira e Outeiro do Corno, moi próximos ó citado regato da bacía do Sar. O primeiro conxunto intégrano dúas laxes, a primeira con deseños xeométricos de gran plasticidade e a segunda inclúe un singular panel con escenas de monta de gran transcendencia pola súa escasa presenza na comarca e que nos permiten afondar no estudo da domesticación do cabalo no ámbito galaico en tempos prehistóricos. Non menos relevante é a estación principal do Outeiro do Corno, unha laxe panoplia con representacións dun pequeño cuadrúpede, un puñal e un posible escudo da Idade do Bronce que os investigadores vinculan ós gravados de tipoloxía “Peña Tu” que conectan a Arte Rupestre Galaica cos gravados peninsulares da zona cantábrica e leonesa.

Na segunda parte do percorrido, xa na área arqueolóxica do Monte Piquiño na parroquia de Luou, cómpre salientar a interesante asociación entre os numerosos petróglifos localizados e as mámoas da necrópole megalítica máis importante da comarca de Compostela. Ó valor arqueolóxico desta paraxe temos que engadir o paisaxístico pois gozaremos de inmellorables panorámicas das terras do val do UIla.

Por último, tamén coñeceremos enclaves asociados ó patrimonio inmaterial teense como a lendaria “Eira dos Mouros de Loureiro” no que a tradición sitúa un antigo “cromlech” formado por grandes pedrafitas de seixos e onde hoxe só observamos un amplo desnivel do terreo que no inverno fica asolagado. Quizais no futuro os arqueólogos poidan desvelarnos algúns dos segredos que aínda agochan estas paraxes e sinais destes pedregais sagrados datados entre o III e II milenio a.C. (Calcolítico – Idade do Bronce), mentres seguirán cativando ós visitantes e fiando unha paisaxe única na estrema das Comarcas de Compostela, Tabeirós e do Sar.

Petróglifo de Teo / A Rula

 

Punto de encontro

Campo da Ermida de Cornide
  • Punto de encontro
    Campo da Ermida de Cornide
  • Hora de saída
    17:00h
  • Finalización
    22:00h
  • Inclúe
    Seguro de accidentes
  • Non inclúe
    Transporte
    Aloxamento
    Cea

Sentímolo pero este roteiro xa está pechado

Este roteiro foi visto 2,912 veces na última semana.

Compartir este roteiro
  • CONDICIÓNS

    Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro en concepto de seguro de accidentes e gastos de comisión e organización.

    Non se devolverá o importe da insrición, por iso recomendamos que se faga con plena consciencia.

    A organización non se compromete a devolver o importe do menú unha vez reservado, agás que consigamos asignar ese menú a outra persoa solicitante ou que se notifique antes do mércores previo ao roteiro. Nese caso devolveríase o importe do menú menos a comisión bancaria

    Os participantes que non poidan acudir e teñan reservada entrada poden regalarlla/venderlla a outra persoa pola súa conta. Tan só sería necesario que esos novos inscritos avisaran deste feito no mesmo día do roteiro.

    Rogamos que quen non poida acudir igualmente o notifique dende a páxina de contacto ou via WhatsApp, se non a organización resérvase o dereito de penalizar a inscrición dese usuario en seguintes roteiros.

    Non existe lista de espera nin reserva de prazas. As prazas dispoñibles por baixas darase a coñecer no grupo de WhatsApp de Rutas de Historia, o acceso é libre AQUI

    Para calquera outra cuestión poden escribirnos a:


    info@rutasdehistoria.com



  • Unha idea de

  • Contactar

    info@rutasdehistoria.com

RdH está baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-Compartir Igual 4.0 .
Deseño K12 Comunicación.