A ruta comeza na pedra que sobresae en marea baixa no lado leste da praia de Parameán, na Ribeira do Maio en Esteiro. A lenda conta que a patroa da parroquia, Santa Mariña, xurdiu do mar e deixou as súas “patudas” inscritas na pedra esquistosa en dirección a terra. Este mito enlaza co culto a deusaVenus do panteón romano, ou Afrodita do Grego, que existía na Gallaecia. A deusa Venus naceu da propia escuma do mar e saiu dunha cuncha de nácara. En Cortegada de Miño santa Mariña xurdiu das augas do río.
A esta rocha da praia levábase a santa en procesión para facer chover en tempos de seca severa. O rito incluía mollarlle a cara para provocar que os ceos deixasen caer a ansiada auga e salvar asi a colleita.
Curiosamente o lugar está moi cerca onde as sombras da noite combinadas coas formas dunha pedra dun outeiro fixeron ver a algunha xente a cara de Cristo, nomeándose rapidamente “O Cristo do Petón”. Foi alá polo 1993 e a cousa transcendera e aconteceu que centos de persoas de moitos lugares de Galicia achegáronse, durante mes e medio, a visitar o lugar, incluso viñeron autobuses de zonas de Portugal. A pedra acabou destrozada por un veciño ao que molestaban as pregarias e ritos de tanta xente fronta á rocha.
Seguiremos polo esteiro do río Grande ata a “Casa da Sociedade” (1919) que está a carón de outra onde nacera o mestre e poeta Xosé Tobío Mayo “Conroa” (1891- 1971). Este foi Impulsor da sociedade agraria que tiña por nome “La protección Social Esteirana”, e que hoxe dá nome a este edificio adicado a actividades culturais. O activismo político de Conroa na ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) fixo que coa chegada do golpe de estado do 1936 no 18 de Xullo, que por certo é o día de Santa Mariña, tivese que exiliarse e marchar nos barcos que como o Santa Eulalia e Santa Rosa partiron do porto de Muros cara a Bilbao. Comezou o exilio nun campo de refuxiados en Francia. Estivo en Venezuela e Arxentina, onde escribiu o poemario “Espiñas” e despois, acolléndose a un proceso de amnistía, puido incorporarse a súa profesión, dando clase en San Xosé de de Ribarteme no concello das Neves. Escribiu un poema adicado a procesión da santa cara ao mar para pregar pola choiva.
En 1936 o edificio da Sociedade foi saqueado e utilizado polos fascista como lugar de represión; malleiras, cortes de pelo, toma de aceite de ricino e outros tipo de tropelías. Foi embargada no 1938 por “falta de pago a contribución industrial”.
Colleremos camiño pola aldea de Trión, aquí, pasamos a carón da fonte da Mexadoira, a cal os veciños acuden a coller auga pola sona que ten de ser benificiosa para a sáude, e que chegara a ser recomendada fai tempo polo médico da zona. Este profesional foi tan querido e admirado polo veciñanza, dada a súa entrega, que hoxe o colexio público leva o seu nome “Médico Ricardo Tobío”
Chegamos agora ao lugar de Solleiros, por onde pasaba o antigo camiño real, e camiñamos á beira da antiga igrexa parroquial de Santa Mariña, de estilo neoclásico e levantada sobre unha antiga capela románica, da que quedan poucos vestixios. Ao seu carón pasa un regueiro e o seu campanario está alonxado do templo. Ao seu redor está o cemiterio de Esteiro.
Comezamos agora a coller costa arriba cara o pedregal de Esteiro por pistas e vellos camiños empedrados, pasando por zonas de inmellorables vista sobre a ría de Muros–Noia, e apreciando dende un punto o Castelo da Laxe. A ruta lévanos á pedra do Cadro, un xigantesco batolito que preside o pedregal dende o seu cume e que fai de inmellorable atalaia sobre a territorio da contorna. O seu nome “cadro” faría referencia a ser fito de límites xeográficos, como se pode apreciar en documetación antiga, e mesmo un punto de cadrar “marcas” marítimas dende o mar. A cen metros de distancia, antes de subir á esta rocha, podemos ver unha cova entre dous grandes penedos con tres coviñas na aresta dunha laxe en posición vertical e unha pequena cruz no costado dereito.
Na baixada da nosa ruta desviámonos do camiño sinalizado para poder ver a Pedra da Pía. Unha enigmática rocha na que vemos unha pía con forma de trono que podría ser coherente coa idea de ser considerado un antigo lugar de ritais. Está inzada de inscricións talladas que segundo as investigadores son de distintas épocas, e que van dende, coviñas, canles,cruces, letras, e cálices. Nun traballo que expoñen Mª Aurora Lestón e Milagros Torrado no num. 34 do Anuario Brigantino do ano 2011, considérase que : “poderíamonos atopar ante un caso singular da litolatría galega, un altar prehistórico sen alterar nos seus elementos esencias, nun lugar de paso cara a unha montaña de connotacións míticas “.
Dende este punto afrontamos unha baixada por camiños con calzada de pedra, que algúns punto teñen unha pendente acusada, ata retornar ao lugar de Solleiros. Onde apreciaremos un fermoso cruceiro que algún autor chegou a datalo no século XVI, sendo entón uns dos máis antergos de Gaicia. Dende aí seguiremos camiñando ata ao punto de partida a carón do esteiro do río Maior.
Este roteiro xa finalizou. Revisa os outros roteiros na nosa web.
Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro en concepto de seguro de accidentes e gastos de comisión e organización.
Non se devolverá o importe da insrición, por iso recomendamos que se faga con plena consciencia.
A organización non se compromete a devolver o importe do menú unha vez reservado, agás que consigamos asignar ese menú a outra persoa solicitante ou que se notifique antes do mércores previo ao roteiro. Nese caso devolveríase o importe do menú menos a comisión bancaria
Os participantes que non poidan acudir e teñan reservada entrada poden regalarlla/venderlla a outra persoa pola súa conta. Tan só sería necesario que esos novos inscritos avisaran deste feito no mesmo día do roteiro.
Rogamos que quen non poida acudir igualmente o notifique dende a páxina de contacto ou via WhatsApp, se non a organización resérvase o dereito de penalizar a inscrición dese usuario en seguintes roteiros.
Non existe lista de espera nin reserva de prazas. As prazas dispoñibles por baixas darase a coñecer no grupo de WhatsApp de Rutas de Historia, o acceso é libre AQUI
Para calquera outra cuestión poden escribirnos a:
info@rutasdehistoria.com
info@rutasdehistoria.com