Nesta xeira percorremos un senlleiro solar galaico. Será un percorrido que comeza contextualizado nun dos escenarios do que a a propia Unión Europea definiu nos anos 90, como a primeira “ idade de ouro” do vello continente: A idade do bronce. Pódese afirmar que mil anos antes de que Roma construíse, nesta zona, a Ponte Bibei, a Ponte Navea ou a da Cigarrosa, sobre a antiga traza deste camiño, esta bisbarra enteira era xa un territorio aberto ó resto do continente.
A través da inmensa fraga autóctona de rebolos, – o nemetum sacro do que avisara Ptolomeo – baixo a sombra amante de milleiros de castiñeiros con valor monumental, subiremos até as penas que inda exhiben a súa importancia ritual e baixaremos ó encontro do lugar onde os camiños de vivos e mortos se atopan.
O Camiño do Ribón, é un escenario ateigado de contidos e fitos dentro dunha paisaxe privilexiada que foi declarada primeira paisaxe protexida de Galicia. Estas beiras do Río Navea, onde inda ten presenza esta deusa galaica, gardan inda a memoria do paso das lexións; dos exércitos dos reis suevos ou das tropas napoleónicas. Lendas de tesouros agachados, seres míticos e episodios de licantropía, a peripecia decimonónica dun gran artista de fama continental. Feitos históricos da cara oculta da historiografía nun percorrido por unha “topografía cualitativa” ( Hernández Pacheco, E. 1952) entendida como eses espazos xeográficos con propiedades significantes que emanan da existencia dun sistema simbólico ben desenvolvido.

co patrocinio da Dirección Xeral
de Política Lingüística
info@rutasdehistoria.com