Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro. Dos cales 4€ son en concepto de fianza, que serán devoltos ao finalizar o roteiro por esta mesma vía. O euro restante vai destinado a sufragar os gastos de xestión e devolución.
As persoas que estean interesadas en buscar aloxamentos na zona onde se realicen os roteiros, podemos suxerirlle algúns dos que nos recomenden as propias asociacións da zona.
Para calquera destas cuestións poden escribirnos a:Un roteiro que percorre os lugares máis destacados da peza teatral AS DESTERRADAS de Carme Varela. Un percorrido que nos permite descubrir os feitos que se desenvolveron no mosteiro de San Salvador de Albeos a finais do século XV e comezo do XVI. Os espazos nos que viviron e dos que foron Señoras as monxas bieitas ata seren desposuídas do seu mosteiro. Os feitos históricos relacionados coa reforma dos mosteiros galegos que fixo desaparecer ata 15 mosteiros femininos en toda Galicia para a agrupar a todas as monxas no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares.
O percorrido partirá da igrexa parroquial de San Xoán de Albeos, un fermoso exemplar do románico rural que está situada nun fermoso miradoiro sobre o Miño e dende onde se divisa a vila de Melgaço. Polos restos do Camiño Real avanzará ata as ruínas do Mosteiro de San Salvador de Albeos onde queda un dos máis singulares tímpanos do románico galego e onde se poderá comtemplar tamén a lauda dunha das monxas. De camiño seguiremos vendo restos dispersos do mosteiro que forman partes de modernas construcións.
De seguido achegarémonos ao Pazo da Fraga, unha edificación de orixe medieval e que hoxe está convertido en establecemento hoteleiro.
A continuación seguiremos ata a torre de Fornelos. Unha das fortalezas medievais das beiras do Miño. Esta torre acaba de ser declarada Ben de Interese Cultural recentemente.
Todo o percurso transcorre polas terras nas que sitúa a tradición oral o nacemento do neno mártir San Paio, o martir galego que tivo maior difusión durante a Idade Media e que hoxe están dedicadas en boa medida á produción de viño albariño.
XANTAR
A organización tentará nalgúns roteiros conseguir un menú para xantar do que se informará preceptivamente antes da celebración dos roteiros. Avisaremos previamente ás persoas inscritas.
CANCELACIONS
Ata o venres 4 novembro ás 12h aceptaránse as cancelacións sen custe. A partir desa hora xa non é posible cancelar e solicitar a devolución da fianza.
Menores de idade Poden acudir baixo responsabilidade dun adulto.