Esta xeira percorre unha parte do Concello de San Xoán de Río, Ourense. As poboacións de Cerdeira, Reboledo, Domecelle e Móuruás, serán coma illas dentro dun periplo por un mar de rebolos, carballos e castiñeiros. Mergullados nel, aboiaremos de cando en vez para observar como moitas veces a Historia é a mais grande das ficcións, como dixo o escritor arxentino Jorge Luís Borges. Noutras tantas ocasións, será iso que consideramos lenda ou ficción o que apareza como unha realidade tanxible diante mesmo de nos.
Hai un milenario camiño, que logo chegou a ser vía militar na época romana, que uniu o noroeste galaico co resto das estremas atlánticas continentais. Nesta xeira percorremos unha parte desa ruta por unha terra que, como exporemos nesta edición de Rutas de Historia, forma parte do mais sobranceiro do solar galaico. Trátase dunha viaxe no espazo mais tamén no tempo, xa que un dos obxectivos desta actividade será precisamente o de tender unha ponte, ou abrir unha xanela, cara un pasado no que heroes, mitos e deuses antigos formaban parte dunha realidade aumentada e tradicional.
Daquela, toda esta paisaxe formaba parte dun inmenso contexto cheo de fabulosos contidos materiais e historias extraordinarias. Na mañá deste día camiñaremos directamente sobre a substancia mesma dos mitos nunha viaxe que pretendemos catártica, case unha peregrinación a prol da educación sentimental de todas as persoas vencelladas con Galicia.
Ollar ós ollos dunha divindade; escoitar co peito o galope de certos pezuños máxicos, se cadra o renxer das cordas do mestre do aire…E é que somos fundamentalmente o noso pasado; o presente sempre está en reformas.
Punto de encontro
FINALIZADO
Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro. Dos cales 4€ son en concepto de fianza, que serán devoltos ao finalizar o roteiro por esta mesma vía. O euro restante vai destinado a sufragar os gastos de xestión e devolución.
As persoas que estean interesadas en buscar aloxamentos na zona onde se realicen os roteiros, podemos suxerirlle algúns dos que nos recomenden as propias asociacións da zona.
Para calquera destas cuestións poden escribirnos a: