Este roteiro está pechado. Por favor consulta outro roteiro dispoñible.
Esta é unha Edición especial de catro roteiros en colaboración cos concellos de Outes, A Mezquita, Tui e Castro de Rei. Nestes roteiros tamén participarán como guías os respectivos alcaldes . Unha edición especial previa á convocatoria anual de Rutas de Historia de 2023
Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro en concepto de seguro de accidentes e gastos de xestión e organizción.
Non se devolverá importe ningún, por iso que recomendamos que as inscricións se fagan con plena consciencia de que poderán acudir.
As persoas que estean interesadas en buscar aloxamentos na zona onde se realicen os roteiros, podemos suxerirlle algúns dos que nos recomenden as propias asociacións da zona.
Para calquera destas cuestións poden escribirnos a:
Esta xeira percorre e analiza escenarios pouco transitados da Idade Media Galega, e da transición á idade moderna (XV-XVIII).O periplo permite descubrirmos un panorama asolagado pola frouma da historia e o endémico desleixo social. Dende o cimo dos outeiros, poderase ver o solar da Lagoa de Antela, a gran Laga do Beón, a que fora a meirande lagoa peninsular.
Co exterminio do seu ecosistema desapareceu tamén Antioquía, a mítica cidade galega, e os seus habitantes: os exércitos de Arturo, o monstro carbunco, ou o lacónico bruante dos tremedoiros. O percorrido acada, nun dos seus polos, as alturas do Castelo da Portela de San Xoán, berce popular de Dona Inés de Castro e firme baluarte de Paio de Canderrei, señor da guerra, xinete de fronteira, Border Reiver galego e construtor de castelos. A Casa dos Biezma e o Castelo de Monterrei entretecen o seu devagar na historia con fíos de ouro como o que representa esta acrópole.
O roteiro acada unha necrópole rupestre do tempo do Galliciense Regno, o reino galego dos suevos. Carballos e rebolos centenarios, bidueiros e pradairos escoltan ou mesmo cobren o camiño. Vacalouras e gaios, pigarros e garrabaios, axexan dende as alturas da floresta.
No outro polo da ruta, están os restos do Mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras, fundado pola Virxe María, así o quere a tradición, no século XV e edificado dende 1520 polo Prior de Xunqueira de Ambía para que nel se estableceran os frades franciscanos. As súas monumentais ruínas gardan memoria dos incendios e saqueos napoleónicos, mais tamén do bo vivir do monacato galego.
Coñecer os detalles deste percorrido axuda a preservar a riqueza cultural asociada con este panorama.
Ruta circular de 4.31 quilómetros de ida e 2.9 de volta. Sairemos dende o Mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras logo de percorrer o interior do claustro e xardíns deste monumento. O desnivel medio do perfil completo é dun 8%, saíndo dende unha cota de 670 msmn para acadar, logo de 4300 m de percorrido, o cimo do teso sobre o que se construíu o Castelo da Portela de San Xoán a 740 msnm. Para acadar este obxectivo comezaremos cun breve descenso até o solar da Lagoa de Antela, ou Laga do Beón, á sombra do bosque caducifolio da beira do antigo lago. Despois acadaremos sucesivamente dous cimos menores unha vez superado a aldea de Soutelo, en cuxos arredores visitaremos outro sorprendente lugar de importancia histórica. Xa no cimo do Castelo, cas impoñentes vistas de 360º e unha ampla perspectiva sobre os 50km2 que antigamente chegou a ocupar a Laga do Beón, percorreremos o interior da acrópole con especial atención e comentario dos lugares, catas hoxe cubertas de novo, nos que nos anos 2016 e 2017 tiveron lugar traballos arqueolóxicos que revelaron novos elementos, datos e estruturas monumentais dentro do perímetro da croa deste ben cultural. Comentaremos os resultados deses traballos logo ter a oportunidade de traballar neles. Aquí analizaremos a figura do xinetes de fronteira medievais, o caso de Paio de Canderrei, a súa relación ca orixe dos Estados de Monterrei e o castelo do mesmo nome, así como outras cuestións relacionadas, como a relación entre espazos históricos e contextos mitificado: o caso de Inés de Castro, o xurdimento de Portugal ou a tradición artúrica e as lendas da Laga do Beón ou de Antela.
Para o regreso temos planificadas dúas alternativas. Unha mais expedita e inmediata, mais sinxela, que pode levarnos rapidamente até a base do monte e dende alo ó punto de remate da xeira. Esta baixada realizariámola baixo a maxestosa fraga autóctona que rodea o Castelo da Portela de San Xoán e logo pola chaira que conduce de volta a Trandeiras para o xantar. Esta opción, pouco exixente, implica o percorrido por uns 700 m da beira de terra da estrada asfaltada de terceiro nivel que leva até Trandeiras. Malia seren poucos os vehículos que a utilizan, e a velocidade dos mesmos limitada, compre estremar as precaucións durante os 8 ou 10 minutos que nos pode levar este tramo.
A segunda opción, o Regreso B das imaxes de perfís, esixe descender noutra dirección para acadar un punto de meirande altitude, 760 msnm, que o propio Castelo da Portela e así aprecialo dende outro punto de vista que o contextualiza dentro do sistema de fortificacións medievais desta parte da Limia. Este percorrido é pouco mais longo que o anterior, con 3 quilómetros de lonxitude, e tamén mais dificultoso xa que compre descender do Castelo para subir a seguir a esta altura. Dende ela descenderiamos progresivamente até o establecemento “A Casa do Mosteiro” para xantar e rematar o percorrido.
A decisión entre unha e outra maneira de regresar tomarémola no alto do Castelo da P. de S. X. en función das características do grupo nese día, as condicións climatolóxicas e outros condicionantes.
En calquera caso, compre que cada participante leve canda si auga, algo de comer, e protección contra a insolación e o vento que nestes altos adoita ser relativamente intenso e persistente. O global da ruta pode cualificarse como de exixencia media para persoas sen graves impedimentos de mobilidade ou de saúde en xeral. Existe un seguro sobre esta actividade
info@rutasdehistoria.com