Este roteiro xa rematou. Revisa os outros roteiros na nosa web.
Para facer a inscrición é preciso facer un pago de 5€ por persoa para cada roteiro. Dos cales 4€ son en concepto de fianza, que serán devoltos ao finalizar o roteiro por esta mesma vía. O euro restante vai destinado a sufragar os gastos de xestión e devolución.
As persoas que estean interesadas en buscar aloxamentos na zona onde se realicen os roteiros, podemos suxerirlle algúns dos que nos recomenden as propias asociacións da zona.
Para calquera destas cuestións poden escribirnos a:
A saída será dende a vila de Becerreá. O primeiro punto será a Cova dos Mouros, con lendas de mouros e refuxio de fuxidos. Tamén pasaremos polo Castro de Vilar de Ousón e Chao da Capilla , colleremos por unha antiga caleira e iremos á Igrexa de Cruzul, moi popular na zona porque o seu campanario foi utilizado nas alarmas populares durante a Guerra da Independencia. Cruzaremos a Ponte de Cruzul que foi unha das infraestruturas máis cara do Camiño Real por Galicia. Alí pararemos a contar historias da Guerra da Independencia.
Durante o roteiro tamén pasaremos pola Igrexa románica de Ouselle, moi coñecida na zona pola tradición da antiga festa das Ánimas do Purgatorio. Tamén visitaremos o Monolito a Fuco Gómez, que foi un arredista galego en Cuba e pasaremos por un tramo da vía romana XIX; o coñecido como Camín da Antiga.
A andaina tamén percorrerá o Castro de Ouselle, identificado, erroneamente, coa capital dos Zoelas e, ali, Moure, explicará o segredo dese erro. Outros puntos a visitar serán a Igrexa do Ecce-Homo que foi un antigo mosteiro e na que hai tradicións e rituais arredor do Santo, o Castro de Saa, que foi o relevo romano de Vilarín, o Fito no cemiterio de Becerreá, que é o único elemento dunha desaparecida igrexa románica e, finalmente, a Fonte do Inferno, que está asociada a asasinatos durante a Guerra Civil.
O final da ruta será, de novo, en Becerrá. Se hai tempo explicaranse algunhas cousas curiosas da capital municipal da comarca.