Descrición
Partiremos dende Sanxés, onde poderemos ver unha serie de esculturas de madeira talladas por un veciño do lugar, Manuel Marqués. Despois de atravesar esta aldea, internarémonos nas fragas de Sanxés e de Teixido. Desviarémonos nalgún momento para achegarnos ao mirador de “Pena do Castelo”, e os máis aguerridos poderán acercarse ata unha seimeira que se atopa nas proximidades.
Remataremos en Vilarxubín facendo un percorrido por esta fermosa aldea que, entre outros elementos de gran interese etnográfico e arquitectónico, ten a particularidade de que cada casa conta con dous hórreos: un rectangular, de estilo mariñao e o outro cadrado, coma os da montaña luguesa.