O lavadoiro público das Cascas, en Betanzos, non é un lavadoiro calquera. Inaugurado en 1902 era, na época, unha das construcións deste tipo máis grandes do mundo. Unha auténtica obra de arte de 348 m2, dividida en dúas plantas arredor do río Mendo que agora poderá ter a protección que merece, a de BIC.
Esta gran infraestrutura foi construída polos irmáns García Naveira, os mesmos que tamén impulsaron a creación do primeiro parque temático en Europa, o do Pasatempo. O seu estilo modernista ten tamén variados elementos de corte historicista.
O edificio está dividido en dúas plantas e nel non se escatimaron detalles para o confort dos veciños. Estaba feito para albergar a 22 lavandeiras de xeito simultáneo, con dúas filas de lavadoiros, realizados, ademais, para ser aproveitados ao máximo en función do nivel das mareas.
Un auténtico espazo de ocio
Ademais tiña unha gran lareira, unha sala para descanso na que podían quedar, cociñar, comer, atender aos nenos e bancos de pedra; e un espazo de secado construído cun tramado de pasarelas de madeira.
A obra foi feita, como no caso do parque do Pasatempo, para gozo dos veciños. Nas cláusulas fundacionais, fixadas polos irmáns García Naveira, indicábase que era un lugar público e gratuíto, que tiñan preferencia no seu uso as lavandeiras que gañaban con iso a vida, que non se podían comercializar as súas instalacións e que o Concello correría cos gastos da súa conservación, réxime e vixilancia.
Protección
E esta magnífica infraestrutura aínda non estÁ protexida, a pesar do seu valor. Por iso, o Concello de Betanzos iniciou conversacións coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para preparar a solicitude de declaración de ben de interese cultural do lavadoiro.
Esta petición coincide co inicio das obras da terceira fase de mellora do lavadoiro coas que concluirá a súa total restauración. Unhas obras de 33.000 euros coas que, desde o 2014, se restaurou e reparou a cuberta, e se limpou, reparou e pintou as fachadas. Agora mellorarase o interior das instalacións, onde se busca garantir a estabilidade estrutural, a seguridade de uso, a conservación de todos os elementos orixinais e devolver ao seu estado inicial os elementos transformados.