Un novo e interesante achado foi realizado o pasado sábado 15 de xullo por un equipo de exploración da asociación Capitán Gosende. Trátase dun serpentiforme atopado no Monte de Baixo, comunal da aldea de Limeres (Cerdedo). A inscultura sitúase a uns 550 m, en liña recta e cara ao sudoeste, do casarío de Limeres e trátase dun elemento patrimonial único pola súa forma e condicións.
O petróglifo, labrado no frontal inclinado dunha rocha granítica, moi erosionada, lañada, semisoterrada e orientada cara ao sudoeste, representa unha serpe en posición heráldica, mais, difire das “pedras da serpe” de Penalba (Campo Lameiro), estilo atlántico, ou de Troña (Ponteareas), estilo esquemático atlántico, polo seu realismo e por non estar vinculada a asentamentos castrexos.
O ofidio tallado no pedregal do monte de Limeres enrodélase en actitude ameazante. O seu corpo prégase catro veces. A cabeza do réptil posúe unhas dimensións de 20 cm de longo e 16 cm de ancho, aprox. A cabeza ten unha orientación nordés. Na parte anterior, un risco en forma de “V” salienta a súa boca aberta (vista lateral) ou a súa lingua bífida (vista superior). Estarricado, o animal acadaría, aproximadamente, os 190 cm de lonxitude. Engruñado, ocupa unha superficie aproximada de 75 x 50 cm. A anchura do seu corpo oscila dos 10 aos 5 cm (remate da cauda). A cabeza e a punta do rabo distan 4 cm.
A estación petroglífica (coordenadas: X: 548.192; Y: 4.707.512; alt. 556 m) atópase arrodeada dunha plantación ordenada de piñeiros, aínda que, en prevención do lume, urxe a roza da matogueira (toxo, silveiras, carrasco…) que medra por entre as árbores. O natural pedrallento do lugar impediu que o plantío asumise a pedra inscrita. Unha pista forestal arrodea as lombas do predio denominado Monte de Baixo, achegándose polo sudoeste a uns 40 m do sitio arqueolóxico. A denominación “Monte de Baixo” (altitude por riba dos 550 m) deuse por oposición ao suposto “monte de riba” (As Corvas-Outeiro Raposo), cara ao sudoeste, con altitudes que superan os 680 m.
Lendas asociadas
Na mesma laxa, en dirección nordés e a uns 5 m de distancia do serpentiforme, localizáronse dúas coviñas (X: 548.196; Y: 4.707.515). A uns 10 m cara ao leste, noutro laxedo, gravouse unha cruz de termo. Na “Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo” (2009) recollín a seguinte lenda asociada ao lugar: “Din os veciños de Limeres que no Monte de Baixo, onde a canteira comunal, adoita aparecer un encanto en forma de serpe que asubía polos homes. Din que se houber algún valente que a bicase, a cóbrega deviría nunha muller fermosísima”.
Interrogados de novo algúns veciños, recadei que a Moura-serpe acostumaba aparecérselles aos homes (canteiros) que traballaban extraendo pedra no lugar. Unha veciña apostilou: “A Moura non quería que lle destruísen a súa casa”.
Mitoloxía irlandesa e britana
Francisco J. Torres Goberna, no artigo “Castros de Penalba y Troña: El culto a la serpiente en el Suroeste de Galicia”, publicado na súa bitácora en outubro de 2013, engade: “Al igual que sucede en otras leyendas irlandesas y britanas, en la mitología gallega aparecen mujeres encantadas o mouras que toman la apariencia de serpientes”. No eido da mitoloxía comparada, Torres Goberna sinala que, para algunhas culturas mediterráneas, “la serpiente era un ser del inframundo que posuía un carácter ambivalente”, xa que tanto simbolizaba o mal ou a morte (picada, veleno) como a saúde ou a rexeneración (muda da camisa). Nas mitoloxías indoeuropeas, a serpe relaciónase co coñecemento oculto. Para o mitraísmo é símbolo de inmortalidade. Polo exposto, hai autores que identifican a cobra como símbolo funerario (renovación). Para os celtas, a serpe representa a arcana sabedoría, o ciclo da vida e da morte, o ciclo anual, a fertilidade, a perdurabilidade.
Torres Goberna engade outro aspecto relevante: a asociación da serpe cos ovos. Crese que o gravado serpentiforme do castro de Penalba se complementa con dúas concavidades a xeito de ovos. Torres Goberna afirma que a dualidade serpe-ovos representada na inscultura de Campo Lameiro é única na arte rupestre galega. Segundo as nosas observacións, o serpentiforme de Limeres tamén se acompaña de dúas pequenas concavidades (moi luídas) acaroadas á cabeza do réptil, que ben puideran interpretarse como ovos.
Malia ser empregado dende antigo como canteira, o Monte de Baixo de Limeres agocha abondosas mostras de arte rupestre. En 2001, Patrimonio consignara 3 petróglifos (coviñas e círculos concéntricos; círculos concéntricos con coviña central e apéndice; espiral). En 2008, nós demos noticia doutros dous (coviñas; rectílineos e curvilíneos). Con data de 2001, Patrimonio tamén catalogara no Monte de Baixo dúas mámoas.
Interpretacións
Manuel Santos Estévez (“Arte rupestre y recintos rituales en la Edad del Hierro”, Semata, vol. 14, 2002, páxs. 90-1) precisa: “Con los datos disponibles podemos afirmar con cierta seguridad que existen nuveve castros que presentan, generalmente en la acrópolis o en el punto más alto, una o varias representaciones de serpientes, estos son: Castro de Penalba (Campo Lameiro), Castro de Troña (Ponteareas), Castro de Cedeira (Xunqueira de Ambía, Castro dos Remedios (Moaña), Santa Tegra (A Guarda), Monte do Castro de Negros (Redondela), Castro de Gargamala (Mondariz), Castro de San Martiño (Arbo) y Coto do Castro de Formigueiro (Amoeiro). Actualmente tan sólo conocemos dos ejemplos que, con cierta seguridad, podrían estar representados sendos oficios y que se encuentran alejados de cualquier recinto castrexo, nos referimos a Pedra Boullosa (Campo Lameiro) y Monte dos Vilares (Pontecesures). Por otro lado debemos mencionar la existencia de referencias en el norte de Portugal de serpentiformes en otros tres castros citados por Hidalgo Cuñarro (1981:13), aunque no fue posible su localización por parte de dicho autor, los yacimientos son: Castro de Baldoeiro (Tras-os-Montes), (Santos Junior 1931:77) y Monte do Castro (Veira do Miño-Braga), (Teixeira y Rigaud 1979: 385-90). Existen también referencias en Sanfins, Monte do Castro (Veira do Miño-Braga).
La reiteración en el emplazamiento de este tipo de diseño, nos permite considerar que forzosamente debería de existir una relación entre los grabados de ofidios y los recintos castrexos, especialmente si tenemos en consideración que solamente se conocen dos casos de serpentiformes situados fuera de recintos castrexos. Por ello planteamos como hipótesis la posibilidad, aunque no demostrada sí más probable, de que dichos petroglifos pertenezcan a la Edad del Hierro. La razón de esta propuesta cronológica no sólo se sustenta en el hecho de que los grabados se serpientes aparezcan en el interior de castros, sino también en el hecho de que los casos en los que fueron grabadas serpientes de castros son excepcionales”.
Sabemos da existencia doutros serpentiformes (cando menos, curvilíneos) non vinculados a xacementos castrexos, verbigracia, os representados nos petróglifos de Ghorghalado (O Rosal) e da Camisalva (A Guarda).
A lectura dos artigos de Torres Goberna e Santos Estévez lévanos a considerar que o serpentiforme de Limeres atopado o pasado sábado é un gravado rupestre extraordinario. O achado fai o número 29 na miña conta persoal e o número 36 na conta do colectivo Capitán Gosende.